O titular da xornada de Redondela non pode ser outro que a desorbitante actuación de Rinoceronte. O equipo pontevedrés impúxose nunha xornada despois de dous anos de travesía pola sabana. A última vez que ganou unha xornada o equipo do corno foi na xornada 9 da temporada 2015-2016 do 16 xaneiro de 2016. Rinoceronte intenta recuperar na recta final da temporada os ptos que o separan na última praza de Finalista LNB 2018. Pensamos que é moi tarde para restar 94 ptos de desvantaxe con Lúa de Forza, de todos os xeitos na billarda case todo é posible.
En canto á categoría de Equipos Femininos continúa a pugna entre os tres grandes equipos da LNB, Valpaços Terra Quente, Corredoiras e Gharaboto. Corredoiras e Gharaboto non desisten na súa persecución do líder e gran favorito Valpaços. Este equipo non abandonou en toda a temporada o primeiro posto, non obstante, foi vendo como a distancia cos seus perseguidores foi minguando. Esta xornada a vitoria foi para o equipo de Bueu. Esta categoría continuará ata a derradeira xornada coa emoción do título. O podio está claro que será ocupado por estes tres equipos, xa que os demais están moi lonxe.
O ganador da xornada foi o líder Xan Rodiño, seguido de Lu e de Daniel. Curiosamente son os mesmos xogadores da xornada 11 de Vilaboa. A única diferenza é que se intercambiaron os postos Daniel e Lu. Habería que buscar nos arquivos todolnb para comprobar se algunha vez se produciu esta circunstancia, que coincidiran as mesmas persoas subindo a un podio de xornada. Tamén, outra curiosidade é que os ganadores nas categorías individuais son os líderes actuais das mesmas.
CATEGORIA ABSOLUTA | | do EQUIPO | |
1 | XAN RODIÑO | LÚA DE FORZA | SANXENXO |
2 | LU | LÚA DE FORZA | SANXENXO |
3 | DANIEL | RINOCERONTE | PONTEVEDRA |
| | | |
CATEGORÍA FEMININA | | do EQUIPO | |
1 | BEGO | CORREDOIRAS | BUEU |
2 | CHEFA | CORREDOIRAS | BUEU |
3 | ADRIANA | VALPAÇOS TERRA QUENTE | VIGO |
| | | |
CATEGORÍA INFANTIL | | do EQUIPO | |
1 | JUANMA | LÚA DE FORZA | SANXENXO |
2 | ÓSCAR | ARMADIÑA | POIO |
3 | HUGO | GHARABOTO | MARÍN |
| | | |
|
| | |
| 1º | RINOCERONTE | PONTEVEDRA |
| 2º | CORREDOIRAS | BUEU |
| 3º | LÚA DE FORZA | SANXENXO |
En definitiva, despois de sumar os puntos desta xornada as clasificacións están decididas en canto ao título. Así, en Categoría Feminina, Bego na próxima xornada será campioa matemática. En Categoría Infantil, a Juanma sucederalle o mesmo. Na Categoría de Equipos, Corredoiras, aínda que non dun xeito matemático, pero si real, na vindeira xornada conseguirá o título. Só quedarían a Categoría Individual Absoluta, na cal Xan dou un paso case definitivo nesta 15 xornada, e a Categoría de Varados, na cal tamén dou un golpe case decisivo o de Lúa de Forza.
A emoción está nos postos de podio en todas as categorías. Así, na Individual Absoluta, Salva asaltou o segundo posto de Ricar e agora ten 5 ptos máis que o ex-Coroceiro Nacional. Bego continúa no cuarto posto a outros 5 ptos de Ricar. Por detrás continúan Piru e Che a 10 ptos da de Bueu. O que se aproxima ao trote furibundo dos rinocerontes do Serengueti é Daniel, quen xa se situou a 17 ptos do terceiro posto do podio. Este palanador é o que máis ptos acumulou nas tres últimas xornadas cunha media de 22 ptos por xornada. Este feito xunto coa irregularidade das actuacións dos 6 primeiros en pavillón fixo que entrara a formar parte dos aspirantes a podio final.
Na Categoría Feminina, Lu asegurou o segundo posto final coa súa enorme actuación de 22 ptos. O posto de podio que aínda non ten dona é o terceiro. Chefa e Adriana son as aspirantes a este lugar de privilexio. A Campioa Nacional ten 4 ptos de vantaxe sobre a talentosa palanadora de Vigo. Elena Sabarís e Elena Glez están algo lonxe, mais aínda manteñen algunha esperanza de alcanzar esta praza, pois a billarda é imprevisible.
Onde se coce a verdadeira empanada de millo das Rías Baixas é nos lugares máis quentes do forno da LNB. Isto é, naqueles lugares que dan dereito a participar na Final Nacional 2018. Na Categoría Absoluta, pensamos que unha ducia de xogadores están metidos en fariña, por así dicilo. Deberán apurar cada punto e cada carreira para entrar entre os elixidos para a gloria. Pensamos que desde Lito, 173 ptos, ata Papi, 148 ptos, todo é posible. Faltan por disputarse 93 ptos. O mesmo sucede na Categoría Feminina, desde Marisa, 89 ptos, ata Ainhoa, 65 ptos, aínda hai marxe de recuperación.
|
Vemos a Marisa explicándolle a Piru os perigos de realizar o "salto trigresa" desde o armario empotrado ata a cama sen levar o elemento de seguridado chamado arnés. |
|
Marabilloso agasallo do concello de Redondela. Unha mochila cargada de cultura literaria. A alegría das caras das ganadoras na categoría feminina é anterior a que miraran que había dentro das fantásticas saquetas azuis. |
|
A quen máis ilusión lle fixo os premios do concello de Redondela foi aos máis cativos, pois deste xeito engadiron un exemplar máis á colección dos Bolechas. |
|
Os máis beneficiados cos agasallos foron os ganadores na Categoría Absoluta, xa que as 700 páxinas do magnífico libro van acompañar as súas horas de lecer durante os vindeiros lustros. |
|
A pista PVC do Municipal de Redondela favoreceu o avance das billardas, mais non ten tanto poder deslizante como outras superficies. Houbo 23 varados soamente. |
|
Armadiña nunca esquece hidratar, mineralizar e supervitaminar ás súas xogadoras e xogadores. |
|
Vemos no fondo da pista ao Director Técnico encargado pola LNB de instruír aos xuíces de varal sobre a implantación do VAR, L. Camiña, como da indicacións a un dos xuíces. |
|
Marga Caldas en posición de semi flexión de pernas e armado de brazo (para ensinar en escolas deportivas de billarda). |
|
O equipo Corredoiras camuflado entre as bancadas da mesma cor que os seus uniformes. |
|
Reacción de CHE despois de que lle anunciaran os puntos conseguidos polo seu equipo Rinoceronte, 95 ptos (a súa mellor marca histórica de puntos desde a súa creación, fundación ou nacemento espontáneo). |
|
Entre tantas liñas as billardas trabucábanse e de cando en vez collían un camiño equivocado. |
CONFERENCIA NOROESTE
Mañá editaremos a crónica de todo o que sucedeu na fantástica, épica, lírica... xornada da Conferencia Noroeste.
|
Pavillón descapotable de última tecnoloxía de Castenda (Tordoia), preparado para soportar choiva, vento, frío, neve, temporal e... adaptado para filtrar as raiolas no caso que fose necesario. En definitiva, a LNB na vangarda das grandes infraestruturas construídas polo ser humano.
|
|
Podios 1-Collazo 2-Juanma 3-Lito Fem-Bego Inf-Abel (recolleu Miguel) |
Ningún comentario:
Publicar un comentario