FIN DE SEMANA DE LNB





       O sábado en Ponte de Outeiro (Castro de Rei) disputarase a penúltima xornada da Conferencia Norleste. De novo o equipo pontino ten preparados centos-miles de carballos para repoboar o país. Para conseguir tamaño obxectivo entregará unha quercus robur a cada participante. Esta magnífica iniciativa, que xa se realizara a temporada pasada, vai estar complementada por un churrasco que se ofrecerá a cada participante que así o queira. "Evidentemente, este ano si que van enraizar os carballos", dixeron de Casa Alvariño. Que razón teñen, pois cada xogador/a amais da árbore que levará para plantar na súa terra levará no colon descendente o abono necesario para nutrir as súas raíces. 
       
        A estas alturas de temporada imos facer un repaso daquelas xogadoras e xogadores que máis veces luciron  o escudo da LNB, cada quen formando parte do seu equipo. Hai que puntualizar varias cousas. 
   Primeiro, esta información está recollida da base de datos de todolnb, polo tanto está suxeita a certas particularidades. A saber, da Conferencia Nai non temos constancia das xornadas que xogou cada quen nas tres primeiras temporadas. Da Conferencia Noroeste non temos constancia das xornadas que xogou cada quen na temporada 2009-2010. Da Conferencia Rías Baixas temos os datos completos. 
    Segundo, non aparecen tod@s, pois serían unhas táboas interminables, polo tanto, decidimos incluír a quen xogou máis de 20 xornadas na Norleste e Noroeste e máis de 25 na Conferencia Rías Baixas. 

        Finalmente, insistir que a LNB sobrevive grazas a persoas como as que aparecen nestas táboas, pois son elas e moitas máis que veñen detrás, as que dan valor a un deporte tradicional marabilloso coa súa constancia e compromiso. Igual que noutros deportes se valora o número de partidos disputados, no noso deporte debemos recoñecer a estar persoas como se merecen.  Daniel Rodríguez e Geni Rodríguez xogaron todas e cada unha das xornadas desde a temporada 2008-2009. Isto significa que nin a gripe, nin a reuma, nin as lesións, nin outros compromisos fixeron que estes dous referentes da LNB deixaran de lucir o escudo LNB durante 10 anos en todas as xornadas da Conferencia. Realmente, extraordinario. Non pensamos que haxa nada similar en ningún outro deporte. Franco, Markytos, Xermán, Flores, Villarino, Coedo, Regueiro, Isma e Lucía son outros dos referentes do noso deporte.
        









        Nas Encrobas xogará a Conferencia Noroeste a súa 13ª xornada de liga. Aquí aparecen os xogadores e xogadoras que levaron no corazón o escudo LNB con honor e satisfacción en máis xornadas. Lois Fontán é o referente da Conferencia Noroeste, dado que estivo na creación desta e mantense xogando 11 anos despois. Está moi preto das 100 xornadas. Berdillo e Viqueira son outros xogadores de referencia, con 80 e 79 xornadas respectivamente.





       
       Na simbólica praza de Fefiñáns, Cambados, disputarase a xornada 16 da Conferencia Rías Baixas. A Conferencia máis nova da LNB ten a tres xogadores centenarios e a dúas xogadoras que ao final de temporada poderán chegar a esta cifra estratosférica de xornadas xogadas. Xan Rodiño acudiu a todas e cada unha das xornadas e Piru faltou a unha, exclusivamente. Carolo faltou a 5 xornadas e cerra o trío de centenarios da Conferencia. Elena Glez, Lu, Gelín, Luís Camiña, Luís Gon, Taxeiro, Manolo Fariña, Ángel, Bego, Belmira, Ricar, Suso, Casilda, Lito, Juanma, Álvaro, Vanessa, Cheli, Marga Puente, Chefa, JM Camiña .... tod@s por enriba das 80 xornadas xogadas, son xogadores/as que debe coñecer tod@ b@ aficionado á billarda. 




Ningún comentario:

Publicar un comentario