LNB No entroido come Tarta de Mondoñedo




       Aínda resoa o berro colectivo no pavillón dos Cambóns de Sigrás-Cambre. Berro que precedeu á entrada da billarda de oliveira de Julio R. Vilas no varal. Unha manifestación de alegría que ten un significado moito máis profundo que o simple feito de que un anaco de madeira recorra unha distancia determinada ao ser empurrada por un golpe de palán. Este feito e outros que quedan por vir son testemuña de que o ser humano é quen de actuar de xeito pacífico e entusiasta, incluso nun deporte tan competitivo como a Billarda. Calquera marca acarrexa unha serie de acontecementos presentes e pasados que mostran un camiño recorrido. Deste modo, a LNB é unha aventura que se xestou de xeito curioso, que medrou rodeada de misterio e que se fai adulta con naturalidade. 
         O vindeiro sábado xogarase a xornada 503 da LNB, e será na Conferencia Norleste. Será na Alameda dos Remedios de Mondoñedo, lugar mítico por ser berce da primeira célula LNB, xa que no instituto desta localidade estudaron varios rapaces, que pasados os anos decidiron iniciar esta aventura marabillosa chamada LNB. Daqueles pioneiros aínda temos entre nós a Xermán Viluba. Grazas compañeiro. 


2005-10-16 XERMÁN (Ekipa-Safari)
ganador da primeira xornada LNB da historia 

       O presente está nunha manchea de rapazas e rapaces nacidos no século XXI que están xogando á billarda e que coñeceron este xogo a través da LNB. Un exemplo é o de Abel Ponte, que comparte a práctica do fútbol e máis a da billarda. Fantástico que a prensa informe e transforme a realidade coa súa información. Así, as caras dos nosos deportistas deben comezar a ser coñecidas en todos os currunchos do país. A día de hoxe, todas as conferencias teñen o soporte dos medios de comunicación escrita e radiofónica. 










       Os números de participación son os que son, non obstante, as valoracións destes números contribúen a entender onde estamos e a onde queremos chegar. Os dous primeiros anos de LNB só se xogaba na provincia de Lugo, no 2007 a LNB chegou á Coruña e no 2008 a Pontevedra. Polo de agora, Ourense non xoga á billarda, mais todo se palaneará. 
       Nas temporadas 2012-2013 e 2013-2014 houbo 6 Conferencias, 5 polo territorio galego e 1 Conferencia no exterior (Cadiz). Nas temporadas 2010-2011, 2011-2012 e 2014-2015 houbo 5 Conferencias. Nas temporadas 2009-2010 e 2015-2106 houbo 4 Conferencias. Nas últimas dúas temporadas o número de Conferencias correspóndese con cada unha das 3 provincias nas que se xoga billarda de xeito LNB. Entón, o obxectivo de chegar aos 500 practicantes por temporada debería chegar da man da creación desa Conferencia Ourensá tan agardada. 



     








       A temporada actual está nuns números realmente destacados e que van mellorar de aquí ao final de liga, pois o sistema de liga aberta proporciona a posibilidade de incorporarse á LNB en calquera momento da temporada sen requisitos previos. 






       Xa van 502 xornadas de LNB. O seguinte reto será chegar ata as 1000 xornadas-primaveras que serán a garantía de supervivencia deste marabilloso deporte tradicional galego.





       Xa se puxo en marcha a conta atrás para chegar ao seguinte límite dos 4000 varados. A progresión foi a seguinte: primeiro varado no 2005, despois 2012 (1000 varados), 2014 (2000 varados) e 2018 (3000 varados). É evidente que o cambio climático está condicionando as marcas. 







Ningún comentario:

Publicar un comentario