3ª XORNADA CONFERENCIA NOROESTE A LARACHA






       O vindeiro domingo, 22 de outubro, celébrase a terceira xornada da Conferencia Noroeste na parroquia larachense de Soandres. A clasificación de Equipos está comandada polo gran favorito, o equipo de Paiosaco, Campo da Feira. Aínda que APB non lle perde o rastro e mantense a unha distancia prudente. Os demais equipos probablemente teñan que loitar por entrar na terceira praza do podio da Conferencia. Destacar a presenza do equipo de Malpica que xa está ao nivel do histórico equipo da Coruña, Filloas de Sangue. Finalmente, Cochikeiros está atravesando o deserto da falta de xogadores na comarca de Ordes. En definitiva, o título será cousa de dous, novamente. 
       A comarca de Bergantiños, a día de hoxe, encóntrase entre as 5 comarcas galegas máis potentes desde a perspectiva do número de xogadores e xogadoras e do talento e nivel competitivo destes. Formaría parte do Top Cinco, xunto coa Mariña Oriental (berce da LNB), A Terra Chá, O Salnés e O Morrazo.
         En individual, evidentemente segue mandando o mellor golpe de antebrazo da provincia da Coruña, Collazo. O palanador de Paiosaco ten un golpeo caracterizado por non armar o brazo con xiro de tronco, senón por golpear usando unicamente o xiro do pulso e a potencia do seu antebrazo dereito. Edu é unha das grandes sorpresas ata o de agora, pois os seus resultados da temporada pasada non facían prever o seu rendemento deste ano. De todos os xeitos, hai que ser sensatos e pensar que desde o segundo posto ao decimoterceiro hai 11 ptos nada máis. Isto indica a igualdade en busca da segunda e terceira prazas de podio, pois non hai máis remedio que rendirse á evidencia e aceptar que o título, salvo unha serie de acontecementos imprevistos e desafortunados para o de Campo da Feira, é propiedade de Collazo.  







Ningún comentario:

Publicar un comentario